Saturday 04 de May de 2024

O Concello demanda a Portos de Galicia a continuación do paseo marítimo no Cansorro


· Sandra Insua e Sergio Caamaño reuníronse coa presidenta da entidade, Susana Lenguas, para solicitar que se leve a cabo esta actuación de mellora da seguridade.

· O proxecto presentado polo goberno local propón a construción dun sobreancho sobre a ribeira, similar ao paseo de madeira do porto.

· “Agora, nese punto, hai unha evidente falta de seguridade para os peóns, xa que ao rematar o paseo teñen que circular ocupando a estrada”, explica a rexedora.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, reuníronse hoxe coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, para solicitarlle que leve a cabo a continuación do paseo marítimo na zona do ‘Cansorro’.

No encontro presentáronlle á presidenta da entidade, dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, un proxecto redactado por un técnico municipal co obxectivo de mellorar a seguridade viaria para os peóns nese punto onde remata o paseo marítimo.

A proposta inclúe a construción dun sobreancho sobre a ribeira do mar, con materiais similares ao paseo do porto. Así, crearíase unha estrutura de aceiro inoxidable sobre a que se colocaría unha tarima de madeira tratada para exteriores e varandas de aceiro inoxidable. Ademais, instalaríanse luminarias tipo LED.

Sandra Insua explica que “agora mesmo, nese punto, hai unha evidente falta de seguridade para os peóns xa que ao rematar o paseo teñen que circular ocupando a estrada polo escaso arcén co que conta esta” e destaca que “desde que instalamos as letras de Camariñas esta é unha zona moi transitada por veciños e visitantes, que van a sacar fotos de recordó, polo que esta actuació é urxente”.